vítor mejuto - rebelión de polígonos
do 2 ao 30 de abril de 2009
 
     
 

 

Vibración de cores e xeometría

Luz. Ampla gama de intensas e variadas cores. Figuras, figuras xeométricas, cercadas polas liñas tan definidas, tan precisas que parecen como soñadas, soñadas como metáforas dunha perfección á que aspiramos, nós seres imperfectos, para quen todo é curvo, asimétrico. As pezas de Vítor Mejuto, que pertencen á serie Rebelión de polígonos, difunden un pouco de calor na retina, ata na retícula rural ou urbana na que vivimos.

Os lenzos conforman unha habitación poboada por unha gama de brillantes cores. Sexan fortes, intensas ou máis tenues, a brochadas todas as cores dialogan cos fondos, cos bordos, pero sobre todos coas liñas que delimitan as figuras que ben poderían ser sacadas das horas orfas de soño.

A pintura, tense dito, sempre sostivo un tipo de «madurez» que conserva o vínculo co segredo, que tutea o enigma en cada esquina de experiencia. Nas obras de Mejuto domina o xesto enérxico da pintura pura. Nesta vibración dos verdes (do verde herba ata o limón), dos vermellos, dos azuis, rosas, negros e brancos, que alternan con formas xeométricas, produce unha serenidade que nace da marea de liñas como elementos a descifrar.

Ante estes cadros sentimos a humilde tentación de volver empezar, de sentirme un principiante. á fin e ao cabo, ante o silencio opaco da mancha sobre as teas, pero tamén oíndo os latexos do que reina na sala, o humano vese abocado a reflexionar sobre unha remota posibilidade: a de facer do accidente que a envolve un monumento.

Somos un signo, un signo por descifrar, dixo o poeta. Como sabemos tan pouco do destino do home, tampouco sabemos que quere dicir exactamente esta pintura. Se non quixese dicir nada, senón só celebrar ou crear un espazo para o encontro, para vivir unha vez máis a liturxia de contemplar as imaxes colgadas aí mudas, extáticas, a multitude en que derivou o naufraxio do soño urbano, xa estaría dicindo moito, dándonos tarefa para reflexionar durante bastante tempo.

¿Que sabemos da pintura? Talvez soamente que a súa vontade de articular un sentido que non se distinga da vida secreta das cousas, dos soños, a súa vontade de escoitar a ambigüidade das superficies que calan, non morreu. Estas pezas de Vítor Mejuto invítannos a madurar lentamente ante o que non sabemos.

Ante este diálogo tensado polas marxes do cadro que se produce entre esta explosión de colorido e figuras xeométricas, baixo a luz case lánguida da galería, recordamos a invocación de Fernando Pessoa: «Non son nada. Nunca serei nada. Nin podo querer ser nada. Isto a parte, teño en min todos os soños do mundo».

 

 
 
inicio > sala de exposicións > exposición > artista
   
artista
obra
inauguración
 
exposición
actual
exposicións
anteriores