| |
A néboa silenciosa de Isabel Pintado
No le toques ya más,
que así es la rosa.
Juan Ramón Jiménez
Se as suxestións subliminares á hora de contemplar a obra dun artista, malia a non traducírense en reflexións transparentes e meridianas, teñen, de todos modos, un certo alcance revelador, non podería deixar de transcribir ese brevísimo poema de Juan Ramón Jiménez que, ao visitar o estudo de Isabel Pintado, en Culleredo, viña á miña mente de maneira recorrente. Un poema creado xusto no momento en que o gran poeta, despois de atravesados os mares do modernismo e comezado a embarcarse nunha viaxe radical de despoxamento, escribe a maneira de poética, anunciando un despregue de pureza radical á conquista núa da sensibilidade e da interioridade.
é indubidable que nesa aventura lle axudou moito a lectura e tradución, con Zenobia, do hindú R. Tagore, a través do que o poeta andaluz intuíu iso tan inaprehensible que os occidentais chamamos, con palmar imperfección, Oriente. Porque dentro das infindas evocacións de tan variadas e diverxentes culturas que trae á nosa sensibilidade esa palabra, figuran igualmente eses haikus prodixiosos da poesía xaponesa, que tamén, subliminalmente, en compañía do case haiku de Juan Ramón, viñan ao meu recordo naquela visita ao estudo da pintora.
Porque estamos ante unha traxectoria pictórica –esplendidamente analizada no seu día por Ana Vasco para a exposición itinerante da artista en 2003- marcada, como a as reseñas críticas veñen recoñecendo, por un intimismo envolvente, unha sensibilidade exquisita e un lirismo delicado, aspectos que, loxicamente, dificultan a súa aprehensión verbal.
Esta actitude, que vai da sensorialidade máis evanescente até unhas divagacións visuais presididas pola desmaterialización da realidade, decanta unha pintura sotto voce, mergullada na introspección e a ingravidez.
Porque Isabel Pintado tende a subtraerse dunha realidade que, máis que de texto, lle serve de pretexto, entregándose a unha viaxe polos mares dun psiquismo silencioso, dunha intimidade vertida a través do estrañamento, e dunha suspensión por ámbitos dunha irrealidade marcada pola temporalidade e inmanencia.
Son cadros dos que se emerxen perspectivas e atmosferas que actúan como auténticos trasuntos do soño e do tempo. Por iso o despregue do matiz, das veladuras e das transparencias, así como o laborioso traballo coa luz: aspectos que outorgan algo de gasa atmosférica, de sutileza divagatoria por espazos e tempos de achega imaxinaria e unha certa vaguidade simbólica.
Isabel Pintado vén creando, pois, unha poética afastada do turbulento ruído histórico e mediático de hoxe, en conexión con certas pintoras intimistas contemporáneas. E faino decantando uns coñecementos técnicos sólidos, desprazándose con naturalidade entre figuración e abstracción, integrando rexistros poscubistas ou dun realismo irreal, en composicións de elaborada estrutura, nas que non faltan o xogo e a ruptura de planos, dentro sempre dunha minuciosa achega debuxística, tanto na súa vertente pictórica como na da gravura ou na obra sobre papel.
Tradicionalmente, a artista vén fundindo nas súas obras dous xéneros clásicos, a mariña e o bodegón, nunha síntese modernizadora. Interiorizando a paisaxe e proxectando cara o exterior os elementos obxectuais propicios para a evocación. Con esa práctica, potencia a sensación de irrealidade tan evidente na súa obra. Porque o misterio, a soidade, os estados lenemente mergullados na melancolía, o halo dun certo onirismo, a estrañeza da existencia, a reflexión sobre a condición inmaterial e intanxible da luz, do tempo e do silencio... constitúen núcleos temáticos e vivenciais relevantes.
Pintura, pois, de sentimentos e pegadas, de vivencias e experiencias de carácter íntimo. Contada como en segredo. Emerxida a través da vixilia e o murmurio introspectivo.
Ademais dos seus anteriores miradoiros, con amplas panorámicas e horizontes, especies de xanelas que amosaban unha cotianidade inmanente, destaca, no momento actual, o tema do libro. De aí a presenza, case aparición, dese sorprendente “paralepípedo”, como lle chamou no seu día Luís Seoane.
Por que xorde, tematicamente, o libro? é evidente que a condición do lector ten moito en común co feito de viaxar até ese “atravesar o espello” que consiste en chegar a un territorio de inmaterialidade, de ingrávida placidez, de pura virtualidade ou de divagación imaxinaria. Propicio para deixarse ir, flotar, soñar... E esa é unha actitude que parece estar na raíz da experiencia sensible e vivencial da pintora. Por iso o tema recorrente do “lector”, esa figura que ás veces amosa abraio, outras se somerxe no soño, mais sempre en plena suspensión temporal, á maneira da levidade e a lixeireza con que, nesta pintura, “todo o sólido se desvanece no aire”.
Claro que o libro é tamén un pretexto. Marabilloso á hora de compoñer, de reflexionar sobre os obxectos... feito que non escapa á consciencia da artista. Por outra parte, e a maior abondamento, Isabel Pintado vén ilustrando, nos últimos tempos, numerosos libros, maiormente de poesía, da editorial “Espiral Maior”, de aí que non deba sorprender que esa presenza emerxa como tema nas súas últimas series.
Libros dos que, ás veces, parecen fuxir, e levitar, as letras, as palabras, as frases... como experimentaba un personaxe de Juan José Millás na singular novela A orde alfabética:
“Asegurou que o día menos pensado (...) os libros sairían voando de casa, como paxaros, e nós ficariamos todos sen palabras”.
Hai tamén, tematicamente, e con notable frecuencia, nesta obra, unha dimensión metapictórica. Un alento de afondar, como lle gustaba a Magritte, nos paradoxos e ficcións do proceso representativo, dos xogos e os equívocos entre o real e o representado.
O mundo da cor xoga un papel relevante. Tanto que, malia a pintora usar un amplo repertorio cromático, de ricas, harmónicas e sutís tonalidades, poderíase falar tamén, en certo modo, de “series”. A dos negros, por exemplo, de espesa densidade, para os interiores graves, profundos. A dos azuis, con leves suxestións mariñas e celestes, para as longas perspectivas exteriores. A dos vermellos, dunha sublimada e apaixonada -case veneciana- sensualidade.
é evidente que estamos perante unha autora á que lle atrae a figuración –ou mesmo, certos elementos de notable realismo-, na medida en que o real conleve de seu, de modo paradoxal, altas doses de irrealidade. Como, tamén, a gravitación entraña ingravidez. Ou, a presenza, ausencia.
Todo é, pois, etéreo e intemporal. Porque esta pintura se plantexa como unha viaxe íntima á procura dun paraíso tan soñado como intuído, tan sentido como imposible.
Cantar é ser, dicía Rilke. Aquí, ser é divagar, flotar no lado máis intanxible e fuxidío da existencia. é un espirse do peso. Un deixar o coeur au nu, e mesmo o corpo ao nu, abandonándose á pura interioridade dun psiquismo que parece traernos algo desa temporalidade grata a Bergson, dese onirismo esperto que non desagradaría a Cunqueiro e desa calma e harmonía emanadas das evocacións no “beato sillón” de Jorge Guillén.
Que é, realmente, ser? Que somos nós, eses espectros case ausentes? Que é a materia? Que e quen son esas paisaxes entrevistas, esas casas e libros, esas vaporosas presenzas humanas? Son preguntas que, ontoloxicamente, derivan dun proceso de contemplación directa e demorada, de escoita na temperatura emotiva e sensible das galerías recónditas da alma. Porque Isabel Pintado parece vivir a pintura como unha experiencia de contemplación e transcendencia, de fraxilidade e fugacidade. Por iso a sensación final que a súa obra deixa é a dunha poética da serenidade e dunha sutil melancolía: unha especie de encaixe feito de soño e de tempo, de emoción e de néboa. Unha arte, en definitiva, de presentes veladuras e eternas ausencias.
|
|